Ponteareas foi dende finais dos anos 90 e a primeira década deste século, un referente de crecemento demográfico cunha poboación xoven e un índice de natalidade extraordinario en Galicia. Mentres noutros concellos se pechaban colexios, en Ponteareas había unha demanda cada vez maior de prazas escolares tanto de primaria como de secundaria. Pero este crecemento alcanzou o seu máximo no ano 2011, e a partires de entón asistimos a unha perda continua de habitantes ó contrario do que sucede en concellos limítrofes coma Porriño, Mos , Salvaterra de Miño ou Salceda de Caselas.
A partir do 2011, a tendencia mudou e o decrecemento poboacional instalouse coma un mal endémico. Nos últimos 6 anos perdemos arredor de 1000 habitantes.
Que sucede en Ponteareas para esa merma de poboación? Que nos fai distintos ós concellos do noso arredor? Porqué este retroceso do noso concello?
Varias son as razóns que xustifican esta situación, a falta de postos de traballo, deficientes comunicacións, ausencia de infraestruturas como o saneamento no rural, a perda de capacidade comercial. Aínda que as principais causas, que inciden en todas as demais son a falta de plan de urbanismo, a non existencia de terreo industrial, quedar excluídos do plan de transporte metropolitano e a falla dunha dirección política estratéxica dos sucesivos gobernos municipais.
- A suspensión do PXOM no ano 2002 e a incapacidade dos sucesivos gobernos para aprobar un plan de urbanismo, condicionaron en boa medida unha parálise económica no noso concello e foi un atranco para o desenvolvemento económico, social e medioambiental de Ponteareas. A actual Corporación Municipal conseguiu finalmente aprobar o PXOM, pero aínda faltan trámites por parte da Xunta de Galicia e do propio Concello para que teñamos un documento do PXOM que sexa unha ferramenta verdadeiramente útil para solucionar moitos problemas enquistados. Confiamos en que o documento quede aprobado definitivamente en breve aínda que polo momento descoñecese unha data próxima que permita poder ofrecer a necesaria seguridade xurídica urbanística para os vindeiro 20 ou 30 anos.
- A inexistencia de solo industrial no Concello de Ponteareas, impide que se poida crear ou instalar empresas legalmente no noso concello, determinando a imposibilidade de crear postos de traballo que axuden a fixar a poboación. As empresas que queiran acceder a subvencións ou que queiran subscribir convenios con institucións públicas ou entidades privadas non se poden instalar en Ponteareas e teñen que buscar en concellos limítrofes onde desenvolver o seu proxecto empresarial.
- A exclusión de Ponteareas do Plan de Transporte Metropolitano posto en marcha pola Xunta de Galicia, foi o maior erro político recente dos nosos gobernantes. A miopía política demostrada durante anos por PP, BNG e ACIP ó rexeitar reiteradamente integrarse na Área Metropolitana de Vigo, foi condenar ós cidadáns de Ponteareas a non poder desfrutar das vantaxes dun transporte público metropolitano á metade de prezo. Os veciños de Salvaterra Porriño ou Salceda sí desfrutan desas vantaxes para desprazarse a Vigo, ben sexa para estudar, para trámites administrativos ou para acudir ó Hospital A. Cunqueiro.
Todos estes problemas que levamos anos ( case décadas) sen resolver están a determinar una falta de emprego , un retroceso comercial e unha perda de influencia económica e de servizos. Aspectos todos eles que determinan en definitiva unha realizade pouco atractiva para elixir Ponteareas como o lugar onde desenvolver un proxecto de vida.